martes, 3 de julio de 2007

Por fin ao 50% (Otro punto de vista)

MAÑÁ EMPEZA HOXE
Firma: | LOURENZO F. PRIETO | Martes, 3 de Julio de 2007 (La Voz de Galicia)
FIXERON falta 70 anos desde o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, 25 dende o segundo e 30 anos de restauración democrática para que os galegos conseguísemos a igualdade de trato do noso idioma na educación. Iso reflicte o decreto: a igualdade de trato no ensino das nosas fillas e fillos respecto do galego. Non sei se é a mellor fórmula, pero está inscrita na política lingüística consensuada nas últimas décadas en Galicia e construída dende o outro punto do arco político que hoxe impulsa este decreto. A igualdade de trato non é moito lograr e é ben pouco pedir. Aínda así estalle custando ao Goberno e á Consellería de Educación moito máis do que se podía agardar da experiencia acumulada. A paz lingüística foi norma ata hoxe, o acordo e o consenso acadouse na confluencia de moitas cesións, especialmente dos defensores dun idioma que vía reducir o seu uso cando por fin había instrumentos para frear a redución de falantes e impulsar a normalización. Neste asunto, ¡ollo!, non estamos a falar de inmersións nin extensións de linguas, senón de contención na perda de falantes e de dereitos constitucionais conculcados: os dos galegofalantes que queren educar aos seus fillos na lingua da casa na escola pública. A paciencia dos defensores do galego foi infinita, os dereitos nulos. A ofensiva contra o decreto é cousa de inventores de conflitos inexistentes, dos que confunden este país e o seu idioma con outros.
En torno a 1917 un rabino xudeu decidiu educar ás súa fillas exclusivamente en hebreo, dando inicio á recuperación do uso completo dun idioma relegado ao culto relixioso. Hoxe é o idioma do estado de Israel. Aquí non falamos diso. Falamos dun idioma que resistiu a persecución -si, persecución- e sobre todo a burla -¡quen pode esquecelo!-, que segue sendo o idioma de moito máis do 50% da poboación e que logrou recuperar a súa consideración con moitas dificultades -incluídas as normativas- e coa intelixencia da persuasión, ata converterse no idioma hexemónico da política e a cultura galegas. Pero ese espellismo non podía ocultar a perda de falantes e as dificultades cotiás dos que non podemos educar ás nosas fillas e fillos no idioma dos nosos pais, nin ser atendidos pola xustiza en galego, nin... para que seguir. Canto non falta aínda para o galego estar no mesmo nivel de respecto que o castelán.
Este decreto é un paso -tampouco unha alancada- para garantir de verdade o dominio polos escolares das dúas linguas oficiais. E aínda falta o inglés. Non se entende o desacordo dos inventores do bilingüismo harmónico! O novo decreto vai significar que en educación infantil a metade do tempo se lles falará en castelán aos picariños e a outra metade en galego. Ata agora usábase a lingua materna predominante entre o alumnado e iso determinábao o profesor. En vilas e cidades era case imposíbel. De feito, a única forma de que os fillos de galegofalantes puidesen ser educados en galego era marcharse vivir á aldea. Coma sempre. Coma antes pero ao revés. O que non mudou aínda foi o dereito superior do castelán fronte ao galego. O novo decreto pode que ofreza unha igualdade de trato e unha garantía para os galegofalantes. Só iso.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio