domingo, 1 de julio de 2007

Carta do soldado emigrante


DE COTÍO
Firma: INMA LÓPEZ SILVA
NAI, marchei de Colombia, vin traballar e morrín. Podería caer dun andamio, esmagarme unha máquina, mesmo accidentarme nun reparto. Podería afogar no mar, navegando ao emigrar e esmorecer vendo ao lonxe a terra prometida. Podería, incluso, morrer na casa mentres durmo a sesta e, ao meu carón, algo estoupa. Eu, nai, morrín doutra explosión noutro lugar, nun sitio perigoso onde as vidas non valen nada, no fogar dos soldados. Podería elixir ser albanel, ou peón, ou repartidor e morrer traballando, pero elixín ser soldado e morrín como morren os soldados. Tódalas mortes che serían un drama, nai, porque os fillos non morren diante dos pais, e menos cando teñen vinte anos. Eu quixen ser heroe despois de cruzar océanos e desertos para ver a terra prometida, así que o meu traballo consistiu en ver mortos, vivir a carón das vísceras, da pólvora, dos francotiradores. Por iso ás nais non lles gusta que os fillos sexan soldados. Se un vive na morte, nai, non é inxusto que esta o alcance, só é un erro fatal, coma xogar coa mala sorte. Na guerra, saber que a un o agardan serve pouco, só para que te maten quizais uns metros despois, uns días, unhas horas, quen sabe. Tamén pode que volvese vivo aos teus brazos. Ou non. Nai, agora quererías que fose albanel, peón ou repartidor. Quizais preferías que morrese na viaxe dos que emigran e non volver saber de min. Ao mellor, nun golpe de indignación, culpas da miña morte aos que me mandaron morrer no deserto, saltar polo ar co olor da pólvora, da mala sorte e da desesperanza. Nai, as culpas non as teño eu, nin o deserto, nin un traballo no que sempre mandan outros. Culpables son os que me mataron. Sempre é así cando un non morre senón que o matan. As culpas repártense así entre os soldados que van á guerra.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio